Monday 29 de April de 2024

Miño adherirase á Rede Galega contra a Violencia de Xénero


• Este instrumento foi creado no ano 2012 co obxectivo de sensibilizar á poboación e conseguir un compromiso real contra esta secuela.
• Os concellos que a conforman obteñen maior puntuación nas axudas en materia de igualdade e benefícianse de actividades como talleres, exposicións e programas.
• O goberno local levará este xoves a un pleno extraordinario esta proposta e tamén a renovación do convenio entre Xunta e FEGAMP para a vixilancia e control fronte á avespa velutina.
O Concello de Miño adherirase á Rede Galega contra a Violencia de Xénero, un instrumento creado no ano 2012 que ten como obxectivo concienciar e sensibilizar á poboación para alcanzar un compromiso real contra esta secuela. A adhesión debaterase no pleno extraordinario do próximo xoves, 8 de abril.
Desta maneira, o municipio sumarase a un programa conxunto no que participan preto de 200 concellos e mancomunidades e que coordina a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Búscase promover proxectos de prevención e detección precoz de situacións de risco ou violencia de xénero en calquera ámbito.
Coa súa entrada na Rede, o Concello de Miño obterá unha maior puntuación para recibir axudas autonómicas destinadas aos Centros de Información á Muller ou aos programas de conciliación. As veciñas e veciños do municipio poderán acceder a un maior número de talleres, exposicións e actividades lúdicas de maneira gratuíta.
Programa de vixilancia e control fronte á velutina
No pleno extraordinario do xoves tamén se debaterá a renovación do convenio de colaboración entre o Concello, a Xunta e a FEGAMP para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa velutina.
Miño iniciou no mes de marzo a súa campaña de trampeo contra o insecto coa instalación de dispositivos de captura en diversos lugares públicos do termo municipal. Coa aprobación deste punto no pleno, seguiranse incrementando as medidas para combater a praga nos seus meses máis sensibles de actividade, entre marzo e maio.